domingo, 25 de enero de 2015

CRÉASE O CLUB DE BANDA DESEÑADA DE 2º DE ESO

Os alumnos de 2º ESO A e D xa contan cun club de banda deseñada.  A súa andaina comezará á volta do entroido, cunha sesión inicial de intercambio de expectativas, na que se fará reparto dos exemplares para a súa lectura e se fixará unha segunda data de reencontro e debate sobre a obra. Procuraremos focalizar ese debate nas especiais características da linguaxe do cómic, resaltando a importancia da imaxe na transmisión das emocións.


Pretendemos, así mesmo, acompañar a actividade cunha charla sobre o mundo da banda deseñada, facendo un percorrido por obras e autores e afondando nas características do xénero.

A obra coa que inicialmente imos traballar é a adaptación feita por Antonio Seijas da novela de Agustín Fernández Paz Cartas de inverno. A escolla vén motivada por dous feitos:

_ moitos dos membros do club leron a novela e quedaron un pouco desencantados co remate, pois o suspense e a intriga mantéñense ata a fin e non conseguen porlle cara, aspecto  ou forma ao estraño “ser” que desencadena os tráxicos acontecementos. Achéganse ao cómic, por tanto, coa esperanza de porlle imaxe a todo, coa curiosidade de saber cómo o autor imaxinou eses mesmos feitos;

_ e os demais non leron a novela pero si escoitaron falar moi ben dela: saben da súa intriga e gostan do xénero “terror”, pero prefiren coñecer a historia a través da banda deseñada, por parecerlles máis cómodo e sinxelo.