lunes, 27 de abril de 2015

CARTAS DE INVERNO Banda Deseñada

A LECTURA CON “CATRO OLLOS”

Catro ollos foron os que fixeron falta para enfrontarse á lectura da banda deseñada de Cartas de inverno. Non decepcionou e, lonxe de resolver as dúbidas   que a novela lida previamente suscitara en todos nós, deixounos un fondo de incertidume e un pouso de misterio aínda maiores.
E non só iso, pois descubrimos que o cómic abre todo un novo universo de sensacións e que resulta necesario miralo e remiralo, con catro ollos ou máis! Aprendemos algo da súa linguaxe: por exemplo, que a lembranza de cousas pasadas se plasma nos tons ocre das viñetas; que as imaxes terroríficas do gravado da nena misteriosa só poden ser en branco e negro; e que a casa enmeigada co seu gran torreón aínda pode ser máis tenebrosa cun ceo de fondo ateigado de nubes de tormenta que evocan forzas sobrenaturais vidas do alén dos tempos para levar os protagonistas a un tráxico desenlace… Vaia, que descubrimos o valor da imaxe, a súa forza.
Sorprendéronnos, tamén, os rostros: como é posible plasmar en cada expresión tanta angustia e sufrimento? Catro pinceladas para sentirmos o pánico, o horror, o inferno vital dos protagonistas. Nin Tareixa, nin Xabier, nin Adrián, nin tan sequera a nena do gravado se parecían ao que cada un de nós imaxinara, mais pouco a pouco conseguiron apropiarse das nosas mentes. Seguímolos, con nerviosismo, cara ao destino que xa coñeciamos… E o noso desacougo, ese que nos deixara a novela, non atopou solución no cómic, senón que se multiplicou por mil!
En definitiva, unha lectura moi recomendable. Velaquí tedes algúns dos lectores-protagonistas que asumiron o reto de autorretratarse nunha viñeta amosando toda a tensión vivida mentres leron Cartas de inverno. Tarefa ben complicada lles resultou. Ao final vai ser certo iso de que o cómic non é, en absoluto, un xénero menor…