CRÓNICA DA INcursión DO CLUB DE 3º e 4º ESO NA ÁNXEL CASAL

Botádelle unha ollada a isto:




Portadas e títulos de libros do máis IN, non credes?
INteresantes uns; INigualables outros; INquietantes moitos; INsospeitados algúns; IMprescindibles, IMpresionantes, INimaxinables, IMpactantes, IMportantes, INtrigantes…

O que está claro é que ás profesoras e alumnos dos clubs de lectura de 3º e 4º que puidemos telos nas nosas mans o día 3 de febreiro non nos deixaron INdiferentes. E non creades que os vimos nunha exposición ou museo, non: non son INalcanzables. Todos eles están á disposición de calquera cidadán, de calquera de nós, para collelos, miralos, lelos e relelos, pois forman parte dos fondos da Biblioteca Pública Ánxel Casal (http://rbgalicia.xunta.es/santiago/) . Descubrimos, pois, na nosa visita, un espazo súper agradable no que poder facernos con obras de todos os xéneros en todas as linguas, músicas de todas as partes do mundo e filmes desde o máis clásico ata o máis actual. E, por suposto, con cómodos espazos onde conectarnos á rede, onde visualizar as pelis e escoitar a música que máis nos gusta. Por haber ata había un “Café de idiomas” no que poder quedar para conversar con estranxeiros cuxa lingua queremos aprender e incluso un “Hospital de libros” para axudar na recuperación dos máis deteriorados. Alí habíavos de todo! Se non fostes nunca tedes que ir pero XA!
Desde a Ánxel Casal trasladámonos á  Cidade da Cultura (http://www.cidadedacultura.gal/), onde nos agardaba unha alucinante exposición do fotógrafo José Suárez. Home de gran talento, viuse condenado ao exilio. A través das súas fotos coñecemos unha espectacular traxectoria profesional e vital que non puido gozar do recoñecemento na súa propia terra a causa dunha ditadura que tronzaba e censuraba os creadores libres. Na sala  de proxección dalgunhas das súas obras, estomballados en cómodos pufs estrados polo chan, rendidos xa despois da xornada completa e embebidos polas imaxes que ante nos pasaban, tivemos o marco ideal para reflexionar sobre o importantes que son a liberdade de expresión,  o concepto de  cidadanía e do ben común, e o dereito á educación e ao acceso á cultura.
E, por suposto, como non podía ser doutra maneira, de despedida fixemos a clásica foto diante da gran bóla de libros, curioseando o que por alí había. E mirando e remirando entre os papeis, portadas e algunha que outra declaración de amor que por alí se coou, atopamos algo que queremos amosarlles especialmente aos alumnos e alumnas do club de lectura de 1º Bac que non puideron vir .
E é que alí estaban, tal e como proba a foto, as Humanas Proporcións! E non hai truco!


Visita, xa que logo, tan redonda, tan redonda… coma a bóla da foto. INmellorable.



Comentarios

Publicacións populares deste blog

Pepetela: A montanha da água lilás