domingo, 17 de abril de 2016

A LECTURA DE A NEVE INTERMINABLE

O martes 8 de marzo en sesión “xantar + sobremesa” os membros do club de lectura de 3º ESO reunímonos para partillar impresións sobre a lectura de A neve interminableFalamos sobre a xénese da obra, que ten moito que ver co acontecido na  noite máis produtiva da literatura universal de terror, hai case douscentos anos, no mes de xuño de 1816, na casa suíza de Lord Byron e John Polidori, que tiñan como convidados a Mary Shelley e Percy B. Shelley.
Sabedes por que? Pois porque a finais do 1815 entrou en erupción un volcán en Indonesia e a explosión foi de tal magnitude que ao cabo duns cantos meses Europa quedou cuberta polas cinzas, sumida na escaseza de luz e nun frío moi intenso (seica en Hungría nevou vermello debido ás partículas dun mineral que ficaron suspendidas no aire!). Ese ano deu en chamarse o “Ano sen verán” e foi nunha das súas noites escuras e frías na que os escritores antes citados propuxeron o reto de escribiren relatos de terror para combater o aburrimento. Así naceu, nada máis e nada menos, o Frankenstein de Mary Shelley; á súa vez, Polidori escribiu o relato “Vampiro”, que posteriormente serviu de inspiración a Bram Stoker para crear  Drácula. Aí é nada!




Por que vos contamos isto? Pois porque o noso xenial Agustín Fernández Paz trasladou o acontecido ese verán na casa de Byron a un recóndito hostal dunha aldea afastada da Fonsagrada, onde situou  cinco guionistas recluídos para crearen o guión dunha serie de terror. Esa reclusión, que ao principio é voluntaria, convértese en obrigada cando unha nevarada que semella non rematar nunca os deixa illados do resto do mundo. E é nesa inesperada situación na que van xurdir os diferentes relatos de cada un deles, relatos terroríficos inseridos na terrorífica historia principal que parece encamiñarse cara a un tráxico desenlace…
A principal diferenza entre o acontecido nese verán de 1816 e o que pasa na novela de Agustín Fernández Paz é que, mentres a erupción do volcán no primeiro caso semella obedecer a causas naturais, a intensa nevarada que non cesa na Fonsagrada preséntasenos como consecuencia do devastador CAMBIO CLIMÁTICO.  Por vez primeira o noso benquerido escritor introduce un medo máis… Crible? Real? E somos nós, lectores e lectoras, os que temos a última palabra para decidirmos qué é o que verdadeiramente máis nos asusta.
Para concluír a nosa xuntanza traballamos, co visionado dalgúns filmes e curtas, os medos: reais, psicolóxicos, paranormais… Velaquí vos deixamos algún dos vídeos traballados.

Opinade, opinade: QUE DÁ MÁIS MEDO?















O club de lectura de 3º ESO nunha das súas últimas sesións: