miércoles, 1 de febrero de 2017

Lectura de Contos de soños e sombras e encontro co seu autor, César Ariza Piñeiro - Club de 4ºESO


Con Contos de soños e sombras do escritor César Ariza Piñeiro, editado por Urco Editora, iniciamos este ano o club de lectura de 4º de ESO.
Neste libro, moi ameno e de lectura áxil, puidemos gozar con relatos inquietantes que xiran arredor dos soños e das obsesións; relatos de almas feridas que volven do alén para vingarse ou para levarnos con elas; historias metafóricas sobre a represión exercida polo poder ou un coidado relato sobre a transmutación das almas. Algúns con final pechado, outros con finais abertos que nos presentan dilemas morais e algún con final sorprendente como é o caso dun dos nosos relatos favoritos do libro: A rapaza do meu soño.
O 17 de xaneiro analizamos algúns dos relatos do libro na primeira xuntanza do club e o 27 visitounos o escritor.
César Ariza tivo a amabilidade de compartir con nós a súa experiencia como creador de historias e como guionista, pois adaptou algúns dos seus relatos a guión cinematográfico de curtas ou longametraxes. Respondeu as nosas preguntas e curiosidades e falounos da súa próxima novela de terror fantástico, adiantándonos algunha primicia que, por suposto, non vos desvelaremos.
Agradecémoslle a César a cordialidade e que fixese unha paréntese na súa actividade laboral para poder desprazarse ao noso instituto. Agradecémoslle tamén á editorial Urco que nos xestionase a visita que fixo posible esta especial sesión do noso club de lectura.
Deixámosvos aquí unha pequena mostra dalgúns dos nosos relatos favoritos de Contos de soños e sombras para que vos animedes a lelos:
Pero era unha asasina e conforme á lei debería pagar polos seus crimes. A lei...,que é a lei senón un feixe de normas inventadas por unha minoría para ter controlada a maioría? Se polo menos fixesen a vida máis doada e de mellor calidade ao pobo, aínda sería aceptábel, pero é que non é así.
 (Xamais voltarei ao pazo)
...e na cociña, xunto ao cadáver dunha moza, atoparon o corpo sen vida dun home, recostado contra a neveira, co ollar perdido no infinito e a gorxa e a boca tupidas por centos de billetes de 100, 200 e 500 euros.
 (Crime non moi perfecto)

Debería darvos vergoña, xustificar a barbarie que fixeron os guerreiros e condenar o pequeno trasno e o piñeiro, que foi o único que se comportou dun xeito nobre... Sodes uns... Bah!
 (A lenda do pequeno trasno)

-Sei o que estás a pensar, Rodrigo – dixo o conde-, pero antes de que me craves o puñal escoita o que che vou contar e entenderalo todo...
Sei que non entendes do que che falo porque non quixeches aprender dos libros que tantas veces che mostrei. Neles están escritas cousas que che serían de moito proveito ao longo da túa vida, pero máis ignorante que o que non sabe é quen non quere aprender –e o conde continuou o seu relato malia a indiferenza de Rodrigo...
(A daga e o perganiño)